O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, advertiu do “clamor” dos 93 concellos da provincia, que “afrontan serias dificultades operativas para presentar os servizos públicos máis básicos” e se sitúan “ao bordo do crac financeiro” pola “falta de recursos” e a “continúa” asunción de “competencias impropias”.
Formoso compareceu este luns na Comisión de Economía do Parlamento de Galicia para explicar as contas da Deputación para o próximo exercicio, co que se pechará o actual mandato. Nese ano, avanzou, a Deputación da Coruña disporá do orzamento “máis alto da historia”, cun incremento do 14,6% até acadar os 293.930.000 euros.
Na súa intervención, sostivo que a situación presenta unha “gravidade importante e non vai a mellor”, xa que os concellos están “ao bordo do crac financeiro asfixiados polos custos”. “A subministración enerxética, a depuración de augas, a recollida e o tratamento do lixo e os servizos de axuda no fogar están a estrangular os presupostos locais”, indicou.
Remarcou que detrás de cada servizo municipal hai veciños con dereitos e persoas con necesidades básicas, e que ao “infrafinanciar financieramente aos concellos está a profundarse na desigualdade e incrementando as brechas sociais, sanitarias e territoriais entre a poboación”, afirmou.
Segundo expuxo, esta “falta de recursos” converteuse nunha “práctica continuada”, igual que a “transferencia incesante de competencias impropias” ás entidades locais “sen a avaliación do seu custo efectivo e sen a transferencia dos fondos necesarios para a súa execución”.
Neste contexto, recoñeceu que o proxecto de orzamentos para 2027 da Xunta de Galicia prevé un aumento do Fondo Galego de Cooperación Local, elevando a súa contía incondicionada a 170 millóns de euros de 203 millóns, o que supón un 8,4% máis para os 313 municipios galegos. Con todo, subliñou que, “recoñecendo o avance, resulta insuficiente”.
“Se pomos esa cifra en cuestión é porque o contraste entre a política financeira da Xunta cara aos concellos e o esforzo da Deputación da Coruña é evidente. En termos relativos, o esforzo orzamentario da Deputación para financiar aos ayuntmaientos multiplica por 20 ao da Xunta”, dixo.
Engadiu que “a Deputación pon a disposición dos seus 93 concellos unha contía equivalente á metade de todo o que a Xunta destina para os 300 de Galicia”, e lamentou que a institución provincial reciba “cero euros” do Fondo Galego de Cooperación Local, o que, ao seu xuízo, “incumpre o mandato constitucional que establece a participación das entidades locais, incluídas as provincias, nos tributos da Comunidade”.
Por este motivo, pediu ao Parlamento de Galicia que aborde unha reforma “profunda” que garanta recursos suficientes ás administracións locais, aproveitando a tramitación do Proxecto de lei de administración local na Cámara.
Orzamento máis alto e prioridade ao municipalismo
Ao debullar as contas para o próximo ano, insistiu en que a Deputación da Coruña contará co orzamento “máis alto da historia”, cun 14,6% máis, até chegar aos 293.930.000 euros, un incremento que procede na súa “práctica totalidade” do aumento das transferencias do Estado.
Advertiu de que esta “infrafinanciación municipal” impacta de forma “crítica” en retos como o despoboamento e o envellecemento, e puxo en valor que a Deputación desenvolve accións directas con “impacto orzamentario e execución real” para facerlles fronte.
Neste sentido, salientou programas como Mercanavila e as casas de acompañamento dos maiores, “un modelo público de atención no rural pioneiro en Galicia” baseado en centros abertos de 59 prazas repartidas en catro unidades convivenciais para garantir coidados de calidade. Avanzou que os primeiros equipamentos localizaranse nas Pontes, Rianxo e Ordes, co obxectivo de “reducir a brecha” de prazas residenciais existentes.
En materia de investimento, destacou que o Plan Único de Concellos, dotado inicialmente con 92 millóns, é o principal plan de obras e servizos das catro deputacións e unha “referencia no ámbito estatal”, e que para o vindeiro ano medrará un 4,54%.
Apuntou tamén que o segundo gran bloque de gasto é o social, que supón o 11,75% do total, cun incremento do 4,6% até os 34.555.000 euros. Detallou que a maior parte deste aumento se destinará ao Servizo de Axuda non Fogar, co que a Deputación prevé financiar 395.804 horas deste servizo esencial.
Todo isto, sinalou, manténdose a situación de “débeda cero”, sen recorrer a créditos nin pagar xuros financeiros, e “mantén conxeladas as taxas e os prezos públicos provinciais”. Por iso, sostivo que as contas para 2027 debuxan unha administración “rigorosa”, con “débeda cero”, “comprometida cos servizos públicos e plenamente dedicada a protección do municipalismo”.
Posturas enfrontadas dos grupos parlamentarios
Na comisión, a deputada do PSdeG Patricia Iglesias puxo en valor o labor da institución provincial, que ao seu ver “demostra que hai outra forma de gobernar, outra forma de xestionar os recursos públicos e de entender a cooperación institucional”. Criticou que o PP continúe trasladando aos concellos “ano tras ano” competencias “impropias” sen achegar os fondos necesarios para asumilas.
Pola súa banda, a deputada do BNG Iria Taibo, cuxa formación cogoberna coa PSdeG na Deputación, insistiu na urxencia de redefinir o modelo de financiamento municipal, dado que os concellos asumen competencias impropias por “acción ou por omisión da Xunta” sen que esta “compense pola vía económica”.
En relación á distribución de fondos, afirmou que a presenza do BNG na Deputación persegue, “desde un espírito crítico” sobre o funcionamento destas institucións, acadar “unha mellor distribución” das partidas para corrixir desigualdades e paliar, na medida do posible, a “irresponsable falta de apoio da Xunta” ás entidades locais.
En fronte, o deputado do PSdeG, Gonzalo Trenor, cualificou de “contraditorio” que o presidente provincial acuda á Cámara a asegurar que non precisa endebedarse nin subir taxas mentres sostén que as administracións locais “teñen dificultades de financiamento”.
Así mesmo, rexeitou as críticas ao orzamento da Xunta, reivindicando as partidas destinadas aos concellos, das que dixo estar “moi orgulloso”, e acusou á Deputación de incorrer nunha “práctica fraudulenta” no uso de fondos ao “sortear a lei de subvencións” na contratación de actos públicos cunha asociación dirixida por “destacados membros do BNG, como é a Plataforma Quermeos Galego”.
“Unha cousa é subvencionar e outra moi distinta contratar con fondos públicos a unha asociación para que, no canto de prestar servizo á administración ou aos administrados, lanza mensaxes ideolóxicas”, concluíu.